Martiño Maseda
MARTIÑO MASEDA
Nado en Xoibán – Vilalba (Lugo), no solpor do 1970. Escritor e licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador en distintos medios de comunicación (A Chaira de El Progreso, Sermos Galiza, Galicia Dixital ou Terra Chá Xa). Dinamizador Cultural e Administrador de Culturalia GZ e Presidente da Asociación Cultural CALDALOBA.
Gañador de distintos certames literarios de poesía e narrativa, en galego e castelán.
En canto ás publicacións, boa parte delas en galego, ademáis das publicacións colectivas, cabe mencionar os relatos Todo por unha teima, O mercenario e Omnisciencia, e os libros de poemas Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita, Xeografía da desolación, Ti, (Des)Amor, A linguaxe das palabras rotas e Mapa de xeografía emocional. E un disco-poético titulado CRACK co músico Marcos Maoxu.
Pandemia
Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.
De amor e viño
(Acróstico Sentimental)
Anoamos as mans na quentura dun suspiro
Dando liberdade aos corpos que se buscan
Onde non haxa límites do prohibido
Lambemos as feridas que causaron as sombras
Fóra da vide que enxertamos en cada latexo
Inoculando o viño da paixón que nos proclama
Nese berro que antecede o gutural orgasmo
Amándonos entre sabas de acios e abrazos.
Mastigamos a uva na carne da cópula
E preñamos o bagazo nas ínguas da terra
Sentindo o fluír do líquido seminal que embriaga...
A vida navega pola ribeira sacra do noso alento.
Irmandade
Á memoria de Juan Genovés
dármonos o Abrazo múltiple
debuxando a aperta conciliadora
o acougo do espírito
na febre da amnistía
longamente ansiada
ese rito fraternal da loita común
sen loita
o silencio de corpos entrelazados
respirando o aroma penetrante
da paz omitida
sen aldraxantes armisticios
da tolerancia
sen carteis manchados
de sangue inocente
e a palabra de Amor
sementada no ventre comunal
da Matria
para Nós
para os que veñan despois de Nós
Comentários
Enviar um comentário